Eloy Pérez.

Xoves, 11 de abril de 2024.- O Concello de Monterroso vén de iniciar os trámites para a implantación dunha oficina de rexistro para a expedición de certificados por parte da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT-RCM).

Segundo indica o alcalde, Eloy Pérez, con esta medida os veciños e veciñas de Monterroso poderán acudir ao Concello para acreditar a súa identidade e así poder descargar nos seus ordenadores ou dispositivos móbiles os certificados dixitais de persoa física sen ter que desprazarse fóra da localidade como ocorreu ata de agora.

O rexedor adianta que, cando os trámites que precisa facer o Concello ante a Fábrica Nacional da Moeda e Timbre estean rematados, xa se poderá acudir ao Concello de Monterroso para identificarse e así poder obter o certificado dixital. Nese momento desde o Goberno local comunicaráselles aos veciños e veciñas que xa poden achegarse ás dependencias municipais para realizar o trámite.

Esta medida busca ampliar os servizos que presta o Concello de Monterroso aos veciños e veciñas, sobre todo neste momento no que para moitos trámites coa administración é necesario dispor deste certificado e, tendo en conta que na actualidade para poder realizalo había que achegarse á capital da provincia ou incluso a outras provincias.