Os concellos de Portomarín, Palas de Rei e Monterroso unen esforzos e presentan un proxecto conxunto de obradoiro dual de emprego que dará formación durante un ano a 20 persoas en actividades de xardinería e en promoción turística local e información ao visitante.
A actuación, que financia a Xunta de Galicia, ten un orzamento de 450.000 euros e está destinada a persoas desempregadas que farán prácticas e actuacións en varios puntos de cada un dos tres concellos.
Os alcaldes dos tres concellos, Eloy Pérez, Pablo Rivas e Pablo Taboada, presentaron hoxe esta acción de inserción laboral que favorece a formación e contratación de vinte mozos e mozas. Unha vez remate o taller poderán ser contratados por empresas da zona cunha duración mínima de tres meses a xornada completa.
