Mércores, 05 de novembro de 2025.- O Concello de Monterroso acada a débeda cero e consolida a súa estabilidade económica.
O Concello de Monterroso vén de dar un paso histórico cara á estabilidade financeira coa amortización total da débeda municipal. O alcalde, Eloy Pérez, conseguiu o apoio da Corporación para cancelar na súa totalidade os préstamos que a administración local tiña con distintas entidades financeiras, deixando así ao Concello con débeda cero por primeira vez en anos.
Esta medida supón, tal e como subliña o rexedor, “unha excelente nova para as arcas municipais, xa que a partir de agora esta mellor situación financeira do Concello vai permitir acometer novos proxectos e investimentos en beneficio dos veciños e das veciñas”.
Eloy Pérez destaca que este logro é froito dunha xestión “rigorosa, responsable e transparente dos recursos públicos”, subliñando o compromiso e o traballo altruísta que o equipo de Goberno fixo ata o de agora, exercendo as súas funcións de maneira totalmente gratuíta, sen percibir salario e guiado unicamente polo interese xeral e o progreso do municipio.
Diálogo co resto de forzas para aprobar os Orzamentos
Neste novo escenario de solvencia e equilibrio económico, o rexedor anuncia tamén que iniciará de inmediato o diálogo coas distintas formacións políticas para elaborar o proxecto de Orzamentos municipais para o vindeiro exercicio.
“Invito a todas as forzas políticas a realizar as súas achegas para consensuar un documento que permita que Monterroso siga avanzando, mantendo unha xestión seria e responsable, e poidamos asumir novas inversións que melloren a calidade de vida dos nosos veciños”, manifesta.
Con esta amortización da débeda e a vontade de consenso expresada polo alcalde, Monterroso consolídase como un concello con plenas garantías financeiras, estabilidade institucional e visión de futuro.
