Xoves, 27 de novembro de 2025.- O equipo de Goberno do Concello de Monterroso está a manter contactos, así como diversas reunións cos distintos grupos políticos no marco da fase de elaboración dos Orzamentos para o ano 2026. O obxectivo principal deste proceso é acadar un documento orzamentario beneficioso para o municipio, froito do diálogo, da colaboración e da participación activa de todas as representacións políticas da Corporación.
Achegas dos grupos municipais
Durante estas reunións estanse a escoitar as propostas e valoracións dos diferentes grupos políticos, co fin de presentar uns Orzamentos que recollan a pluralidade de visións e necesidades expresadas polos distintos partidos e concelleiros.
Obxectivos dos Orzamentos 2026
O rexedor de Monterroso, Eloy Pérez, subliña que a finalidade deste proceso é elaborar un proxecto de presupostos “que permita completar e reforzar os servizos municipais, mellorar as infraestruturas existentes e garantir que Monterroso continúe nunha senda de crecemento sostido”. Así mesmo, o documento prestará especial atención ao apoio ás inversións estratéxicas e á resposta á realidade económica actual do municipio.
Prioridade en servizos sociais e infraestruturas
O Concello incidirá na importancia de mellorar e consolidar as partidas destinadas a servizos sociais e á mellora de infraestruturas en diversos ámbitos, áreas consideradas prioritarias para asegurar o benestar da veciñanza e impulsar o desenvolvemento local.
A previsión é que o documento que está a elaborar o equipo de Goberno se someta á votación do Pleno ordinario do vindeiro xoves 4 de decembro.
