Luns, 7 de xullo de 2025.- O Concello de Monterroso reorganiza as aulas da Gardería Municipal para garantir praza a todas as familias solicitantes.

O alcalde de Monterroso, Eloy Pérez, mantivo na mañá de hoxe unha reunión coa directora da Gardería Municipal e coas familias que inicialmente quedaran sen praza no centro tras o proceso de baremación de solicitudes.

Despois da primeira reunión da comisión de baremación, seguindo os criterios establecidos na normativa vixente, quedaran sen praza a 7 familias solicitantes. Ante esta situación, unha das familias presentou un recurso formal, o que obrigou á convocatoria dunha segunda reunión da comisión para a súa valoración e resolución.

Como resultado deste proceso e ante a vontade expresa do Goberno local de atopar unha solución viable que garantise o acceso á Gardería Municipal para todas as familias interesadas, decidiuse proceder a unha reorganización interna das aulas.

Grazas á colaboración entre a Dirección do centro e o Concello, e á comprensión das familias afectadas, conseguiuse dar resposta a todas as solicitudes, garantindo así o dereito á conciliación e o acceso á gardería municipal en condicións de equidade.

O Concello de Monterroso reitera o seu compromiso coa conciliación familiar e coa atención ás necesidades das familias do municipio e agarda que esta solución sexa de agrado para todos e todas.