Martes, 21 de maio de 2024.- O Goberno local do Concello de Monterroso vén de recibir unha axuda da Xunta a través do AGADER de 9.931 euros para levar a cabo un estudo integral da rede viaria municipal.
En concreto, esta axuda foi solicitada á Xunta de Galicia polo Concello de Monterroso ao abeiro do Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2024-2025.
Unha vez coñecida a concesión da subvención, o alcalde de Monterroso, Eloy Pérez, vén de manter unha reunión de traballo cos responsables da empresa Aleutos, que se vai encargar deste proxecto que permitirá dispor dunha cartografía dixital das vías municipais.
Trátase, segundo explica o rexedor, “dun instrumento moi útil no que van figurar todas as vías e camiños de titularidade municipal, entre as que estarán todas aquelas vinculados a explotacións agrarias”.
Unha ferramenta dixital moi útil
O traballo comezará, tal e como precisa o responsable da firma, José Luis Gude, por dixitalizar toda a cartografía que xa existe e xerar os eixes de todas as vías. Unha vez remate ese proceso, o Concello de Monterroso disporá dunha ferramenta dixital, que lle vai permitir ter un documento sobre o que traballar e unha referencia á hora de solicitar novas axudas ou subvencións.
“Imos poder contar cunha extraordinaria base de datos, o que nos vai permitir axilizar trámites en relación con outras administracións”, resume o alcalde.
O prazo final de execución e xustificación para levar a cabo os traballos será o 30 de maio de 2025.